O PP ESTÁ A TEMPO DE RECTIFICAR

La Voz

OPINIÓN

ANXO QUINTANA SENADOR DO BNG LIÑA ABERTA

16 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

O PP aínda está a tempo de rectificar. A Lei Orgánica de Universidades entra no Senado e abre-se agora unha fase de debate político na que o partido que ocupa o Governo do Estado ten a oportunidade de demostrar que é quen de escoitar a voz da sociedade. A democrácia non consiste só no governo das maiorias. Consiste tamén no respeito das minorias e no diálogo permanente cos distintos actores sociais, neste caso alunos, profesores e persoal administrativo. A democrácia non se esgota na aritmética. E, desde logo, non se pode facer unha lei universitária contra toda a Universidade. Coido que a LOU está a poñer de manifesto a conceición que ten o PP do uso do poder democrático. Primeiro, optou por unha tramitación de urxéncia, sen apenas debate cos protagonistas da vida universitária nen coas forzas que compoñen o abano parlamentar. Segundo, deixou ver a sua teima anti-autonómica e o seu desexo de reinterpretar á baixa o texto constitucional. As comunidades autónomas ou teñen competéncias exclusivas sobre o ensino ou non as teñen. Non hai termo médio. E o Governo está claramente a emitir o sinal de que, segundo a sua moi particular leitura da Constitución, non as teñen. É estremadamente grave que a LOU se veña a somar a todo un rosário de iniciativas governamentais que atentan de xeito grave contra as competéncias exclusivas das comunidades autónomas (Lei de Estabilidade Orzamentar, Lei de Cooperación Autonómica, decreto de Humanidades...). E non resulta menos grave que isto se faga, alén do máis, perante a connivente pasividade do presidente eleito da Xunta de Galiza, Manuel Fraga, incapaz de abrir a boca para defender os intereses galegos tal e como vén obrigado por mandato do Estatuto de Autonomia. A LOU obrou o prodíxio de coaligar na sua contra a todos e cada un dos segmentos que compoñen a comunidade universitária. Provocou tamén, e nomeadamente na Galiza, unha enorme mobilización popular. Unha fermosa leción de civismo pacífico contra a intoleráncia e o desprezo governamentais (o director xeral de Universidades da Xunta de Galiza chegou a dicer que, para aprobar unha Lei de Caza, ¡¡¡tampouco se abren consultas cos coellos!!!). Esta ampla movimentación é un claro sinal de que, contra o que sosteñen os tópicos, as universidades galegas están moi vivas, os profesores nada apoltronados e os alunos nada apampados. Eu desde logo veño-o comprobando estes dias. É a hora da política. Desde o Bloque Nacionalista Galego, vimos defendendo nas Cortes Xerais do Estado -primeiro no Congreso, logo no Senado- a retirada da LOU por considerá-la unha contrarreforma elitista, contrária ás comunidades autónomas, privatizadora e ademais virtualmente inaplicábel pola falta do necesário acompañamento orzamentário. No trámite do Senado seria ben que o PP abandonase o castelo de prepoténcia no que está enrocado e abrise a billa do debate democrático. Desde logo por nós non vai quedar.