A ENCICLOPEDIA DE PETER

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

03 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Con retraso souben aínda onte, de maneira casual, da morte de Peter Martin, un veciño de Suecia a quen tratei nas vacacións durante moitos anos. Debía andar agora polos cen, pois cando eu o coñecín xa pasaba algo dos setenta. A xente que o trataba tiña del a opinión de que era un vago, ou un extravagante, ou un tolo. A fama víñalle de que cando contaba corenta anos ou cousa así, un día acordou mercar unha gran enciclopedia, que ó abrila lle causou tal entusiasmo que decidiu deixar o traballo e dedicar o resto da súa vida a estudiar os vinte tomos que acababa de adquirir. O malo é que estudiaba na cama. De cando en vez, a muller, unha señora enérxica, que ós noventa anos de idade daba todos os días un paseo de quince kilómetros en bicicleta, incluso con chuvia, obrigaba ó seu home a erguerse da cama pola forza e ir traballar algunhas horas ós choios que ela lle conseguía. Aquela señora, dotada dunha fortuna persoal que lle permitía vivir sen traballar, non estaba disposta a financiar os estudios enciclopédicos do seu home. El era bastante infeliz. Nas festas familiares, nas que sempre estaba invitado por ser colindante no xardín, gustáballe falar comigo, quizais porque era o único que estaba disposto a escoitar as mostras da súa erudición. Algúns temas, como a lista de premios Nobel, ou os medallistas das Olimpiadas, resultaban aburridos, pero non así cando falaba da secuencia dos movementos que emprega unha mosca para voar, ou os pasos que segue a ra desde que é un simple cágado ou cabezolo ata que chega a ser plenamente ra. O que nunca me contou foi qué lle pasou pola cabeza o día que descubriu a enciclopedia e se puxo a estudiar.