CARLOS CASARES
01 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Este ano, nos próximos meses, arredor de vintecinco mil americanos van morrer como consecuencia da infección provocada por un axente biolóxico moi activo, que non resulta fácil de tratar con medicamentos, que fai mutacións rapidísimas e que se contaxia con extrema facilidade, de persoa a persoa. As primeiras víctimas van ser, sobre todo, xente maior, enfermos crónicos e nenos, pero sen descartar a xente nova que goza de boa saúde e, por suposto, algunhas mulleres embarazadas. Vintecinco mil persoas é como se, nun partido do Deportivo, todos o espectadores quedasen mortos nos seu asentos. Moitos mortos. E sen embargo, ninguén parece preocuparse por esto, a pesar de que unha longa experiencia demostra que ese é o número de víctimas que deixa a gripe cada ano nos Estados Unidos. Ningún rasgo de histeria, a pesar de todo, ningún dramatismo, a simple aceptación do feito, que costa varios millóns de dólares e que non se expande a través do correo, senón polo aire, cun simple espirro (estornudo, para os que non saiban). A xente anda, en cambio, histérica co asunto do ántrax, que está sendo bastante máis benigno que a gripe e que todo fai pensar que non provocará tanta mortandade, ademáis de que non se contaxia entre as persoas e que, por outra parte, se acabará resolvendo. Non importa. Eu nunca vin a ninguén sudando por ter que subir nun coche, un dos medios de transporte máis perigosos que existen, en cambio estou afeito a ver nerviosos a moitos pasaxeiros cando entran nun avión, un dos medios de transporte máis seguros que existen. Somos así, unhas máquinas moi ben preparadas para pensar, pero moitísimo máis fortes á hora de sentir.