CARLOS CASARES
31 oct 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Cando escribín a miña última novela, puxen entre os gustos do protagonista a súa afección polas miniaturas, de maneira especial polas cámaras fotográficas pequeniñas. En realidade, estaba falando de min mesmo, que teño esa manía, no medio de outros moitos caprichos, todos inocentes. É unha cousa que me ven de neno, cando xuntaba caixiñas, bolas de cristal, botellas de xoguete. Supoño que debe obedecer a algo que vai dentro, aínda que non se saiba en qué consiste. Digo esto porque cando entro nun museo, os meus ollos vanse automaticamente para os cadros máis pequenos. Nunca me decepcionou A Gioconda. O outro día, un amigo fíxome un regalo fantástico: unha cámara minúscula, tal vez unha das máis pequenas que se teñen fabricado nunca. É unha Mycro Una xaponesa, modelo III A, que xa non se encontra facilmente nos mercados de segunda man. Mide uns tres centímetro de largo por dous de alto. Facíanse no Xapón alá polos anos corenta, durante a guerra mundial, e non creo que nacesen como cámaras para espías, senón como un capricho. Estes días lévoa sempre comigo, máis que nada para compartir a alegría cos amigos. Cando a amoso, case todo o mundo queda fascinado, o cal resulta reconfortante, pois é sinal de que a maior parte da xente conserva certo espírito infantil, é dicir, inocente. Moitos preguntan se funciona. Cando lles explico que é unha cámara de verdade e que hai películas de catorce milímetros para ela, aumenta o entusiasmo. A sorpresa chega cando lles digo que a película vale arredor de vinte mil pesetas (6,01 euros). Nese momento, para evitar a decepción, explícolles a verdade: Eu non quero esta cámara para facer fotos, senón para mirar para ela.