UN HORIZONTE COMPLICADO

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES

26 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Os próximos catro anos van ser decisivos. Se cadra, bastante máis do que imaxinamos. Xa sei que sempre dicimos así, e que nada se colleita que non se teña sementado antes. Pero os próximos catro anos, a lexislatura que estamos a piques de inaugurar, presenta desafíos de moi diversa condición que sen dúbida van obrigar a asumir determinacións de altísimo calado. Non só dende a responsabilidade de goberno, por certo. Tamén dende a oposición. Iso era o que dilucidabamos a pasada xornada do día 21. Nos próximos catro anos imos estrear moeda única, por exemplo. Tamén é o derradeiro prazo de axudas europeas para o desenvolvemento de infraestructuras e, polo tanto, quizais a derradeira oportunidade para non desenganchar do ritmo e das liñas de crecemento que propón a UE. Son moitos miles de millóns de pesetas os que seguen entrando, e que cada vez parece máis necesario xestionar con prioridades definidas, información transparente (que non existe) e incluso consenso coa oposición. Falamos do noso futuro estratéxico no marco da nova sociedade do século XXI: a sociedade da información e o coñecemento, as novas tecnoloxías, a formación de capital humano, o fortalecemento da nosa capacidade emprendedora... Certo que hai quen está peor, non somos o terceiro mundo, pero tamén é certo que, malia as propagandas oficiais, seguimos no furgón de cola das sociedades do noso contorno máis próximo. Partidos en renovación Se o vemos dende a dinámica interna da nosa realidade política, a situación non é menos preocupante. Nos próximos catro anos o PP vai ter que afrontar dunha vez a cuestión sucesoria. Dispón de marxe dabondo para facelo (marxe electoral), pero ninguén disimula nin as tensións nin as dificultades. Fraga non é eterno e a oposición (nacionalistas e socialistas) tampouco o teñen doado. O BNG anuncia un congreso. O camiño de moderación e realismo iniciado nos últimos tempos debería verse reafirmado na necesaria confluencia, non orgánica, pero sí de actuación, cos seus socios nas corporacións municipais. Aí é onde se está ensaiando, diante do electorado, o proxecto alternativo e mesmo a credibilidade dos discursos (que non poden ser improvisados). E o PSG-PSOE, pola súa banda, ten a asignatura pendente de confirmar os seus propios pasos: consolidación do liderado, reconstrucción da identidade, reconducción de localismos ou personalismos incontrolados... Todo na preocupación común antes apuntada. Espacios de consenso As lexítimas disputas parlamentarias non deberían impedir a construcción de espacios de consenso para as grandes cuestións estratéxicas que se anuncian. Para iso está o Parlamento. E os mecanismos de comunicación co conxunto da sociedade (a sociedade civil), que non poden ficar reducidos a unha consulta cada catro anos. Sumémoslle a todo o anterior, a grave situación mundial, sen precedentes na nosa xeración, e concordaremos en que estamos diante dun panorama moi serio. Nunca a política, na súa dimensión máis auténtica, foi tan importante.