GOBERNO GAÑA, OPOSICIÓN PERDE

La Voz

OPINIÓN

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

23 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Eis o que pasou nestas eleccións. Aos gañadores non lles faltaron os votos, aos perdedores si. Cada cidadán que votou expresou a súa opción con libertade individual e Galicia seguirá gobernada por Manuel Fraga. O PP, actuando como unha máquina de gañar eleccións, logrou conservar o que tiña, perdendo un deputado e algo menos de 50.000 votos. De certo, máis que perdelos, fináronselles. Na derrotada oposición houbo sorpresas de distinto signo para os dous partidos que obrigan a unha análise esixente ao conxunto do socialismo e do nacionalismo. O BNG non logrou seguir ilusionando. Cunha campaña deseñada para chegar ao poder, pingou antes de asar, perdendo 50.000 votos. O PSOE salvou os mobles cunha leve recuperación que só interesadamente pode interpretarse como un salto adiante, pois só gañou 22.000 papeletas. Outravolta perdeuse a posibilidade dunha alternativa democrática que a oposición non foi quen de facer crible; máis pola incapacidade para entusiasmar que polo medo ao cambio. A alternativa non logrou o voto dos que non queren ao PP (mesmo houbo 25.000 votos en branco) nin arrebatou votos a este partido. A grande vantaxe da democracia é que permite a alternancia no poder. A ausencia de alternativa exprésase precisamente no desinterese dos cidadáns polos asuntos públicos. A principal derrota é a do primeiro partido da oposición. O BNG esgotou a fórmula do éxito. A que lle permitiu un ascenso continuado agrupando nun proxecto común a todo o nacionalismo democrático organizado e facendo a oposición máis contundente ao PP. Por esa vía logrou un enorme poder social baseado exclusivamente nos votos: sen poderes mediáticos, sen gobernar deputacións, sen apoios empresariais pero cun apoio popular crecente que o convertíu na expresión de case 400.000 cidadáns hai catro anos. Pero acadou mui pouco poder institucional. Agás uns poucos concellos e a recente participación no goberno de cinco cidades xunto co PSOE, que non precisamente coa súa axuda. Todo parece indicar que os novos votantes non apoiaron ao BNG como antes e que, contra o que parecía, tampouco os votos do 97 estaban fidelizados. O salto adiante esixe corrixir o rumbo para dotarse de máis apoios e para atender aos sectores sociais que viñan confiando no nacionalismo. O PSOE, cun bon candidato e saído do descrédito e a falla de dirección que o aburaban no 97, logrou unha mínima recuperación que causa certa inquedanza no BNG pero ningunha no PP. Claro que tampouco o perseguía. Por motivos estrictamente partidarios, amosados nas actitudes e palabras do alcalde Vázquez, o PSOE só aspiraba a sobrevivir e logrouno. O partido que goberna fixo todo o que tiña que facer (e máis) mobilizando e ilusionando aos seus. Os partidos da oposición fixeron menos do que tiñan que facer e non xeraron unha corrente de cambio social que acadara expresión electoral. O conto lémbrame a Fábula dos tres irmáns que cantaba Silvio Rodríguez: o socialista e o nacionalista corren o risco de facérense vellos querendo ir lonxe, un por mirar aos pes non víu alén, outro por mirar alén tropezou coas pedras do camiño. O terceiro irmán, o popular, tiña un ollo no camiño e outro no porvir, avanzou pero acabou extraviado.