SALUTACIÓN OPTIMISTA

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES

19 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Os meus avós non votaban. E os meus pais moi malamente. Pillaron o final do ciclo e había (aínda hai) moitas cousas detrás, demasiadas. A República, por exemplo. Para a gran maioría dos galegos maiores de 50 anos a República é un extraño neboeiro de emocións confusas, contradictorias, onde se mestura a desinformación e o medo. Durante moitos anos (varias décadas) a idea de voto e de democracia, a existencia de partidos políticos ou, simplemente, de dereitos civís, estivo directamente relacionada e contaminada pola experiencia da guerra civil. Para os nosos avós, recoñezámolo abertamente, e en parte para os nosos pais, a República era a guerra. Aínda máis, a causa principal da guerra. Así llelo explicaron teimosa e contundentemente os vencedores durante case catro décadas, e acabarono aceptando. Foi moi terrible a experiencia. Logo, pouco a pouco, sucederon máis cousas. Viñeron novas xeracións, fillos que xa non viviran a traxedia (aínda que estaba alí, no consciente e no subconsciente, mesmo con nomes e apelidos). Apareceron mozos e mozas que empezaban a demandar outro tipo de información. Que tamén viña contaminada. ¿Cómo escapar do peso terrible da memoria, sobre todo cando é tan feroz? Pero facían preguntas. ¿Por que as cousas son así? ¿Por que non doutra maneira? As aldeas empezaron a perder xente, medrou a cultura urbana, e a capacidade económica da nosa sociedade, en parte gracias ás divisas da emigración a Europa, onde os nosos paisanos máis novos entraron en contacto cunha realidade distinta: Suiza, Francia, Alemaña, Holanda... Por primeira vez, moitos fillos de labregos ou da clase media urbana podían ir estudiar á Universidade, que a partir dos primeiros anos 70 empezou a masificarse, e viaxaban fóra, a traballar, ou a estudiar, os que podían, coas maletas de volta cheas de ideas, de libros e de noticias. Apareceu o seiscentos, e a televisión... A Galicia de hoxe, que mañá vai votar, é o resultado da memoria do pasado e das esperanzas do presente. A identidade dos pobos constrúese así: dialogando criticamente coas experiencias vividas, ou padecidas (que deben ser asumidas, para poñelas no seu sitio), e dialogando sobre todo co futuro, que é o motor da transformación e o progreso. ¡Claro que cambiaron as cousas dende o tempo dos nosos avós! A xornada de mañá é unha proba evidente. Hai unha Galicia distinta, nova, moderna, emerxente, que está chamada a tomar o relevo das xeracións, igual que hai esoutra Galicia que pouco a pouco vai vencendo a batalla da memoria que nos impuxeron: os medos, os prexuízos... É un proceso lento, pero imparable. A grandeza da xornada, á marxe das opinións ou querencias de cada quen, está no exercicio libre deste novo tempo, que deberiamos saber explicar ós que veñen detrás, porque non o regalaron. Foi unha conquista de todos, intelixente, lúcida, e deberiamos sentirnos orgullosos dela. Galicia na contemporaneidade. Oxalá que por moito tempo.