«AÍNDA FUNCIONA O VOTO Ó PATRÓN»

OPINIÓN

DESDE EL CANDELERO: CARLOS BLANCO

14 oct 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Liberado xa de Ladislao, que marchou de Portozás ó outro mundo electrocutado nun jacuzzi, Carlos Blanco non para. «Vou empezar xa a segunda película de Patricia Ferreira, El alquimista impaciente, e se todo vai ben protagonizarei en xaneiro unha coproducción en Perú». Tanto movemento fai que Carlos non siga moi de perto esta campaña nosa. Aínda así, votará por correo. «Si, xa o solicitei, ata agora creo que votei en todas». O finado avogado de Portozás pensa que «xa é hora» dun cambio en Galicia. «Pero ó cabo é a xente a que manda, e se queren máis Fraga e máis PP, pois veña». As enquisas sinalan que iso é precisamente o que vai suceder. «Home, son pouco fiables, creo que a xente non di a verdade, que aínda funciona o voto ó patrón, ó xefe, e iso reflíctese nos sondeos». Falando de verdades, Blanco entra nunha das alegrías destas autonómicas: os famosos carteis. «A cousa é de ciencia-ficción, tipo Star Trek; está ben que o rexuvenezan a un, pero... Logo temos o da estrela, que aínda que semella unha estratexia intelixente lembra a aquela canción de Mari Trini». Xa que tocamos o das estrelas que caen nos xardíns, imos ó que realmente interesa á xente: ¿Que pasou con Ladislao, home? «Foi un final pouco heroico, que eu mesmo escribín. Ladislao morre na bañeira mentres lle dá cun secador a unha revista pouco recomendable». Esa carne pecadora...