CARLOS CASARES
27 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Desde que tivo lugar o atentado de Nova York, nótase un maior control nos avións, cousa que se agradece. O outro día, a unha señora que pasou polo arco detector diante de min, obrigárona a facturar un pequeno bolso de man no que levaba un obxecto punzante, non sei se un cortauñas ou algo polo estilo. Chamoume a atención a disciplina con que a interesada acolleu a orde, sen dúbida motivada polo clima de preocupación que se adonou de case todo o mundo a partir do pasado once de setembro. Claro que sempre hai quen non acaba de crer estas cousas, pero eso forma parte consustancial da especie humana. Ultimamente eu xa participei en varias discusións nas que sempre houbo alguén que se encargou de poñer en dúbida que os atentados os cometeran quen os cometeron, apuntando máis ben ó bando da propias víctimas, a través de complicadísimas conspiracións. Pasa sempre. Foi tamén o que sucedeu en España co golpe do vintetrés de febreiro, que deron uns militares contra o rei, e que algúns pretenden que foi ó revés. Torturas mentais. Ó grupo dos escépticos debía pertencer tamén un señor que, ó ver o outro día cómo obrigaban a aquela señora a facturar o bolso de man, rosmou en voz baixa pero audible: «¡Parvadas!». Non obstante, media hora despois, eu non estaba moi en desacordo con el, aínda que por razóns ben distintas. Resulta que á hora de comer, xa no avión, coa bandexa entregáronos uns magníficos coitelos de aceiro, cos respectivos tenedores (garfos, para dicilo en galego correcto), cos que non sería difícil organizar un secuestro. Sobre todo tendo en conta o elegante pescozo tipo Modigliani que exhibía a azafata que nos atendía.