LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO
24 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O goberno é meu. Tal é o que ven de decir o presidente da Xunta co relevo do conselleiro de Pesca. É certo, o goberno é seu. Pero un chisco menos dende que se convocaron as eleccións. ¿Pode un presidente en funcións cambiar un conselleiro en funcións por outro, tamén en funcións, que ademais é candidato ás próximas eleccións? Poder pode, ven de facelo e a el corresponde esa prerrogativa. O que unha parte da opinión pública se pregunta é se debe, se ten sentido e, o máis importante, de que lle serve ao ben público. A democracia non é só un conxunto de normas xurídicas. Tamén se conforma con principios consuetudinarios labrados no tempo que asentan unha tradición. A nosa experiencia, compre repetilo máis unha vez, dá para pouco aínda; non chega ao cuarto de século. A do actual presidente, como gobernante democrático, non supera a ducia de anos. Por iso non podemos perder a oportunidade de construirmos a nosa propia tradición sobre peares sólidos, evitando sentar precedentes dubidosos. A democracia tamén se proba na capacidade cívica para enxuiciar actos de goberno. Moi especialmente para reaccionar en situacións inéditas coma esta. Circunstancias que definen iso que habitualmente chamamos sensibilidade democrática. Non é o menos importante da demoracia a sensibilidade. Non está escrita, pero está depositada no legado dos devanceiros, cando existe, ou definida na reacción da opinión pública cando esta quere e pode manifestarse. Apréciase cando se coñece. Incluso nun réxime autoritario os actos de goberno teñen que explicarse, aínda que a necesidade de convencer é exclusiva da democracia. No caso de que falamos, non podemos convencernos de que o cambio obedeza a razóns funcionais e de xestión. Simplemente se nos pide que o creamos porque ninguén deu argumentos. Non podemos pois saber que ten de funcional para os sectores pesqueiro e marisqueiro un cambio de conselleiro a un mes das eleccións. Nin, repitámolo, a que ben público serve. As respostas recollidas nestas mesmas páxinas están inzadas de perplexidade. Algunhas hipóteses albiscan unha manobra electoral, outras informacións semellan transparentar intereses privados. O asunto pode ser interpretado en clave de continuidade e fortaleza ou, pola contra, de debilidade. Non importa agora o significado senón o sentido. Sentido ningún, sensibilidade tampouco. Algúns parlamentos someten aos ministros que os presidentes se propoñen nomear a un exame minucioso para coñecer a súa capacidade e compatibilidade. Tal é o que acontece no sistema estadounidense. Neste recunho da vella Europa o asunto resólvese nunha nota informativa. O conto empeza a cansar. Nesta lexislatura nomeouse un conselleiro sen carteira porque cesou no seu anterior cometido e, a xuicio do presidente, era tan valiosa a súa aportación que compría buscarlle acomodo. O último episodio de incompatibilidades é máis do mesmo. O asunto, recurrente, da participación do conselleiro de Obras Públicas nunha empresa do ramo que contrata, subcontrata ou é meido pensionista da administración está a ferir a sensibilidade democrática. Non é un problema de porcentaxes, nin de normas senon de sensibilidades, non de dictames senón de independencia dos poderes e dos órganos da administración. Eis o conto. Non se entende iso de que se vai adicar máis á politica ¿A que se supón que se adicou todos estes anos se non ao servicio público? Estamos faltos de explicacións convincentes e sobrados de trangalladas.