CARLOS CASARES
24 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O outro día, na viaxe que fixen en avión a Las Palmas, ían varios musulmáns. Era evidente que se trataba de persoas desa relixión porque había mulleres con velo, todas elas moi noviñas, moito máis que os homes, o cal facía pensar que se trataba de pais e fillas. Contrastaba a vestimenta deles, perfectamente occidental, é dicir, chaqueta, pantalóns e cravata, coa delas, tipicamente islámica. Foron mirados e observados con máis temor que curiosidade. Fóra dun par de frases que escoitei, ditas con humor, ninguén dixo nada, pero era evidente que todo o mundo tiña na memoria o recordo do que acaba de pasar. Non semella fácil pasar con frialdade polo medio de tantas emocións, aínda que deberiamos facer todos un esforzo para entender as cousas por riba do corazón. Cando están en xogo cousas tan serias para tanta xente, a cabeza é o mellor instrumento do que nos podemos valer. Falar do islam en xeral ten tanto sentido como falar do cristianismo sen máis. Hai musulmáns e hai cristianos de feituras diferentes, como non pode ser de outro xeito. Durante séculos, a idea que os occidentais nos fixemos de Mahoma é bastante esquemática e falsa. Prevaleceu a imaxe dun impostor e predicador violento sobre a dun profeta. que proclamou a xusticia e a bondade, como Xesús. É certo que nos últimos anos fan moito ruído os grupos máis radicais do islam, nacidos do fracaso daqueles que pensaron que a occidentalización dos países musulmáns lles ía traer o progreso e a felicidade. Eses son unha minoría entre mil millóns. A maioría está contra o terrorismo. Digamos tamén que a crenza dun Santiago matando mouros foi inventada por xentes que se dicían discípulos do pacífico Xesús.