O VALOR DAS COUSAS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

21 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando eu era rapaz, en Xinzo de Limia había un par de lugares de diversión que se chamaban as pistas. Eran dúas, a pista do Café Antela e a pista do Café Ideal. En realidade consistían nunha especie de patio ou xardín ó aire libre, cun espacio central de piso de terrazo ou de baldosa, no que se podía bailar. Arredor, sentados en cadeiras, os miróns, ou a xente que tomaba algo, ou aqueles que descansaban entre baile e baile. Foi nun deses sitios onde me cobraron unha peseta máis porque pedín que me servisen un refresco en vaso alto. Aínda que os meus amigos se botaron a rir, a min non me pareceu mal. Hai cousas que teñen valor, aínda que non todos as valoremos igual. Na miña vila había un dentista que non tiña inconveniente en atender á xente de madrugada, pero eso si, se o doente lle interrompía un soño agradable, entón pasáballe a factura, aínda que logo no lla cobrase. A unha prima miña, que tivo a mala fortuna de racharlle un soño coa súa moza, pasoulle unha nota por un millón de pesetas, que lle perdoou, porque era un bo home. Onte cheguei a Las Palmas de Gran Canaria para dar unha charla nun congreso de casas de escritores. Antes de desprazarme ó lugar, comín cunha amiga. Contoume que todas as mañáns, cando vai ó traballo, ten que pasar por un lugar moi feo, atravesar unha vila feita sen permiso de Deus, un deses cancros urbanísticos que medran e medran e nunca paran, incrementando a tasa de fealdade ata límites difíciles de aturar. Pois ben, a miña amiga díxome que os responsables do citado concello debían pagarlle a todos os que pasan por alí, como compensación. Salvo na cantidade, que ela cifrou nunha peseta, totalmente de acordo.