¿U-LA ONU?

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES

21 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Ninguén pregunta por ela. Ninguén a reclama. Ninguén do ámbito dos poderosos, quero dicir. Opinar nestes termos, tal como están a correr os acontecementos, semella nadar contra a corrente, ben o sei, coa opinión pública sensibilizada (estarrecida) a prol de accións xusticieiras contra os criminais que tan aleivosamente perpetraron os atentados do pasado 11 de setembro. Pero volvo á miña teima inicial, exposta nestas mesmas páxinas daquela: xustiza non é vinganza, nin a razón se sostén polo uso indiscriminado da forza. Todo o contrario, pérdese. Deberían telo moi presente os estrategas de Washington. A acción armada ou militar só se xustifica se o obxectivo está claro, perfectamente identificado (e probado), e non é posible ningunha outra actuación ou se esgotan tódalas outras vías. Aceptada a idea de Churchill de que a política é a arte do posible (non da perfección teórica), só dende a solidariedade, apoiándose nunha actuación conxunta e argumentada da opinión pública (e política) internacional, poderán os EE UU ganar esta guerra, se é que de guerra falamos. ¿Onde están as Nacións Unidas? ¿U-la necesaria orde internacional, tantas veces inutilmente reclamada? ¿E o Tribunal Internacional de Xustiza, do que se falaba nos primeiros textos fundacionais da institución, no ano 1945? Xurdía a ONU daquela, logo do horror da Segunda Guerra Mundial, como un intento de arbitrar os conflictos entre as nacións a través dun foro solidario. «Unha organización fundamentada na igualdade soberana de tódolos países pacíficos e aberta a tódolos estados, grandes e pequenos», dicía o documento fundacional. A realidade, desgraciadamente, foina configurando doutra maneira. Primeiro, porque os estados dominantes, victoriosos da guerra, impuxeron condicións de privilexio e de veto. Segundo, porque existen estados grandes e pequenos (e pobos sen estado). Terceiro, porque a financiación da institución depende das aportacións deses estados, máis ben dos seus gobernos, así como a elección e actuación correspondente. Cuarto, porque o adxectivo pacífico é relativo. A violencia non só se exerce coa guerra, senón (e moi fundamentalmente) coa inxustiza, a explotación, a marxinación, ás veces mesmo coa indiferencia. A penas ninguén fala dela (a ONU) e, sen embargo, unha das eivas graves de fondo que, na miña opinión, está a evidenciar este conflicto é a ausencia ou a inoperancia clamorosa dese foro internacional, a inexistencia práctica dun gran espacio soberano, integrador, con capacidade executiva, no que dirimir os conflictos, os desequilibrios e as inxustizas no planeta, incluída a persecución e xuízo dos criminais internacionais e dos seus cómplices, que ás veces son individuos e outras veces gobernos. O que dende hai tempo sucede é outra cousa: o Gran Policía, dono da forza e dos cartos, reacciona segundo a súa conveniencia e os seus intereses. O resto, no mellor dos casos van de comparsas. No peor, de malditos.