CARLOS CASARES
20 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Marcharon as moscas. Ou desapareceron, que non estou seguro como hai que dicir. O caso é que desde hai uns días xa non se ven. Este verán chegaron a ser algo parecido a unha peste, polo menos esa foi a sensación que eu tiven, aínda que alguén me dixo que todos os anos pasaba igual, pero que logo nos esqueciamos. Pode ser, por máis que a min me sucedeu que durante as vacacións de agosto me morderon tres ou catro, unha experiencia nova, pois antes simplemente me picaban. Algún amigo contoume que a el lle pasara o mesmo e que tivera tamén a impresión de que as moscas deste ano portaban dentes largos. Eu coñecín a un señor que tiña alerxia a estes bichos, non á picadura propiamente, senón ó simple roce. Ignoro se era manía, pero na oficina na que traballaba, tomaba dúas medidas. A primeira consistía en poñer un pano na cabeza. A segunda, pedirlle a un empregado que estivese vixiante ó seu lado, cunha especie de palmeta na man, disposto a impedir que ningunha se lle pousase por riba, mesmo recorrendo á forza, se fose necesario. A min, aquel rapaz con traballo de escravo dábame pena. Estouno vendo situado detrás do ogro, con cara de aburrido, movendo a palmeta como se fose un abano, talmente exercendo o papel dun paria coidando a un sultán. Confeso que algún día soñei coa idea de estar no seu sitio e pegarlle un zurriagazo a aquel señor coa disculpa de que unha mosca lle ameazaba o nariz. Tempo despois, aquel mozo montou un follón durante un partido de fútbol, cando saíu ó medio do campo e lle pegou un pau ó árbitro. Todo o mundo quedou estupefacto porque un rapaz tan bo fixese unha cousa así. Debaixo das humillacións case sempre se crían volcáns.