CARLOS CASARES
19 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Cando Bill Clinton tivo os seus problemas coa xustiza americana despois da historia con Mónica Lewinsky, eu estaba nos Estados Unidos. Con frecuencia, polas noites había debates nas distintas cadeas de televisión. Desde o mesmo instante en que as cámaras amosaban ós participantes, antes incluso de que pronunciasen unha soa palabra, non resultaba difícil saber quen estaban a favor e quen en contra do presidente. En xeral, os negros e as persoas vestidas de maneira informal prestábanlle o seu apoio. Ó revés do que sucedía cos brancos e as persoas ben vestidas, incluso amobladas, que interviñan no debate. Non me estrañou nada, polo tanto, ler nos periódicos, hai cousa dun mes, que o ex presidente dos Estados Unidos alquilara unhas oficinas no barrio de Harlem, en Nova York. Ignoro se por razóns de simpatía ou simplemente por outros motivos máis prosaicos, o caso é que Clinton se instalou, para sorpresa de todos, nun dos barrios máis perigosos e conflictivos do mundo. Supoño que despois do calvario que pasou, aquelo debe ser o paraíso. Agora, un tipo espabilado inventou unhas visitas guiadas, que baixo o nome de O Harlem de Bill Clinton, levan ós turistas, por uns dólares, a dar unha volta en autobús. A excursión pasa ó pé do edificio onde traballa o aludido, que o guía sinala co dedo. Tamén amosa un restaurante no que comeu unha vez. E o teatro Apolo, a catedral do jazz, onde Clinton nunca tocou o saxofón. Ó pasar por diante dun museo, o guía di: «Clinton é afeccionado ás artes». E diante da mezquita do terrible Farrakhan, comenta: «Aquí non será fácil ver a Clinton». A xente parece que o pasa ben. E ata poden ter a sorte de ver ó home algunha vez.