SEN RAZA, UN DESGRACIADO

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES / Á MARXE

16 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día, mentres lía nos periódicos a noticia de que un can atacara a un neno de tres anos, decateime de que cada vez que ocorre unha cousa así, se dá o nome da raza á cal pertence o animal. Normalmente, trátase dun can con pedigrí. Eso quere dicir que o atacante ten unha árbore xenealóxica onde están identificados os seus devanceiros ata varias xeneracións. Se trasladamos semellante circunstancia ó mundo da xente, sería algo parecido a como, se de súpeto, os asasinatos e demais crimes violentos contra as persoas fosen cometidos unicamente por marqueses, condes e demais membros da aristocracia. Onte, no transcurso dun xantar na casa duns amigos, na aldea, contáronme varias historias de cans listos. Da primeira era protagonista un exemplar pequeno, habitante dunha carnicería, que tiña a particularidade de coidar bistecs, chourizos e costeletas, sen que lle pasase pola cabeza a idea de botarlles o dente. Nunca lle deu un disgusto ós seus donos. Para comer, agardaba que lle explicasen que a carne servida era para el. A outra historia é cultural. Pasoulle ó amigo que ma contou. Un día deixou no campo o libro antigo que levaba nas mans, encadernado en pel e con algunhas follas soltas. Decatouse do olvido cando viu ó can da casa petando na porta, co libro na boca. O bicho non só tomara o traballo de recollelo, senón que de cando en vez tivera que parar, pousar o volume e apañar as páxinas que lle ían caendo, e meter todo entre os dentes de novo. Admirado por unha maneira de actuar tan intelixente, pregunteille ó meu amigo de qué raza era o can. Respondeume con naturalidade: «Deses que non teñen raza». Un desgraciado.