Carlos casares
11 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Poucas persoas se acordarán xa de Philippe Petit, aquel funambulista francés con cara de bailarín ruso de ballet que alá polos anos setenta se dedicaba a andar por riba dun arame de aceiro, cruzando rúas polo aire, a centos de metros de altura, sen máis armas que unhas zapatillas suaves como guantes, case invisibles, e un corazón poderoso, co valor dun tigre ou dun león. Digamos mellor: corazón de home. O día 7 de agosto do ano 1974, despois de poñer toda a súa intelixencia e audacia de aventureiro ó servicio da súa misión, burlou o control de seguridade, subiu á terraza das Torres Xemelgas de Nova York, botou un cable desde unha ata a outra, e pasou polo aire, a catrocentos metros do chan. Parecía un anxo. Hoxe eu quero render homenaxe a este home pequeniño e delgado, polo súa valentía. O corazón pode valer para montar unha traxedia monstruosa, como fixeron os pilotos suicidas de onte. Ou para regalalo, como Philippe Petit.