CARLOS CASARES
06 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Un paisano meu, do cal xa teño falado aquí en varias ocasións, que era un home que presumía de malo e de rabioso, un día atopouse con outro veciño, co cal tivera unha pequena desavenencia, e tivo que escoitar de labios del a seguinte censura: «Ti es demasiado cabrón para ser tan vello». Sen pensalo moito, o aludido respondeulle: «Se fose tan vello como dis, nese caso todo o mundo diría de min que son unha excelente persoa». É certo. A partir de certa idade, a biografía de case todo mundo se converte nunha historia amable, na que se tenden a esquecer os pecados e a agrandar as virtudes. Non está mal. Non está mal, pero sen pasarse. É o que está sucedendo estes días nos Estados Unidos co famoso senador por Carolina do Norte Jesse Helms, un dos homes máis poderosos do mundo. Ó anunciar que se retira da vida política, os eloxios chóvenlle por todas partes. O presidente Bush, por exemplo, dixo que Hems defendeu sen descanso a democracia e a libertade dentro e fóra do país. Outros dixeron que fora un campeón dos dereitos civiles. As dúas cousas son mentira. Polo que respecta á democracia, o senador foi amigo de toda canta dictadura se lle presentou diante: Pinochet, Xunta Militar Arxentina (mesmo apoiou a esta contra a Gran Bretaña, cando a guerra das Malvinas), réxime de África do Sur... Polo que respecta ó racismo, cando no ano 1994, o presidente Nelson Mandela visitou o Capitolio en Washington, Helms deulle as costas dunha maneira ostensible. E moitas máis cousas que agora non veñen ó caso. Dito esto, que lle fagan as homenaxes que queran, pois cando un chega ós oitenta anos merécese todo e case todo se perdoa. Pero non todo pode dar o mesmo.