CARLOS CASARES
05 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Había un escritor en Ourense, tan intelixente como extravagante, que ás veces facía e dicía cousas dun individuo pintoresco. Eu falei moitas veces con el, e á parte de que nunca souben por que motivo estaba empeñado en preguntarme polos meus bronquios, que supuña enfermos, resultaba moi agradable tanto no trato como na conversa. Agudo e arbitrario, boa persoa e bastante inocente, discorría moi ben, a non ser cando se lle atravesaba calquera teima na cabeza. Entón podía montar os disparates máis divertidos. Eu asistín a uns cantos, pero foron moitos máis os que me contaron, algúns deles apócrifos. Supoño que foi certo o que me referiu o pintor Manuel Prego, bo amigo seu e compañeiro na guerra, respecto a unha curiosa interpretación do que son as estadísticas. Mandáronlle, polo visto, facer un plano do territorio que se extendía diante da trincheira que ocupaba e sen máis subiuse no alto e empezou a debuxar mentres do outro lado lle disparaban. Avisado do perigo, comentou: «Fan falta máis de mil balas para matar a un home». É o mesmo que aseguran os expertos en tiburóns nos Estados Unidos diante dos ataques que teñen sufrido algúns bañistas neste verán. Parece ser que non hai nada de anormal e seguramente teñen razón. Por eso, ademais de dicir que todo está dentro da lóxica, os expertos fan ben en advertir do perigo, aínda recoñecendo que ós tiburóns non lles gusta a xente, por que os humanos, segundo din, temos demasiados osos e pouca grasa para sermos atractivos. Polo tanto, podemos concluír, dentro da mesma lóxica racional, que ser gordos non so é malo para o corazón, senón tamén para bañarse alegremente nas praias infectadas de tiburóns.