NIN ANXO NIN SANTA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

03 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte lin unha frase chea de enxeño, pero que non sei se será xusta. Pertence a un periodista americano, Jim Holt, e di así: «Se queres ser un santo, esquécete de ser un anxo». A frase entenderase mellor se aclaramos que foi escrita en referencia a Florence Nightingale, coñecida tamén como O Anxo de Crimea. Como é sabido, esta inglesa nacida en Florencia, pero criada con esmerada educación nas fincas da súa familia, en Inglaterra, decidiu dedicar a súa vida, preparada para outros mesteres, ó coidado dos enfermos, unha profesión que naqueles tempos, a mediados do século XIX, estaba moi desacreditada. Para prepararse, marchou a unha escola en Alemaña e logo regresou ó seu país, onde traballou nun hospital para señoras inválidas. Posteriormente, cando Florence Nightingale soubo as condicións sanitarias desastrosas nas que se atopaba o Hospital Militar Británico durante a Guerra de Crimea, ofreceuse voluntaria e incorporouse ó novo destino, no que levou a cabo un traballo unanimemente eloxiado. Por eso lle deron o nome de Anxo. Traballaba vinte horas ó día e entregábase ós enfermos e feridos cunha devoción exemplar. Como froito do seu esforzo, conseguiu rebaixar os índices de mortalidade do corenta e dous ata o dous por cen. Afectada por unha invalidez permanente, non consentiu en ser evacuada ata que non tivo saído ata o último británico da península. Sen embargo, Florence Nightingale non era ningunha santa. Ó revés, parece que non era a muller doce a anxelical que todos imaxinamos, senón que tiña moi mal xenio, falaba con moito sarcasmo e era dura. Probablemente non foi nin un anxo nin unha santa. Pero foi unha muller que axudou á xente.