ANXO TARRÍO VARELA
03 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Vai habendo un consenso entre os entendidos en arte contemporánea para admitir que o termo minimalismo, habilitado nun principio para dar nome a certas manifestacións artísticas do pasado século XX, foi pouco e pouco enchoupando os discursos racionalistas e desprazando a outros que teñen por denominador común a referencia a procesos de depuración e eliminación de elementos superfluos. A este respecto, coido que teñen razón Anatxu Zabalbeascoa e Javier Rodríguez Marcos cando escriben no catálogo da magnífica exposición do Museo Reina Sofía de Madrid (Minimalismos), que «más que el triunfo de una estética el minimalismo supone el triunfo de la palabra que lo nombra», pois conceptos como reducción, síntese, depuración, austeridade, orde, repetición, denudación ornamental ou pureza material, deixaron de chamarse racionalistas para seren identificados como minimalistas. En efecto, hai xa algún tempo que se ven detectando o uso deste termo nos ámbitos máis variopintos. Ocorre algo semellante ao que pasou co termo barroco, que se utiliza para connotar todo o contrario do que expresamos coa familia do minimal, é dicir, para aludir a algo exuberante, de moito perifol ornamental, etc. Estes días anda o persoal moi preocupado observando o xogo de Zidane, por ver de lle procurar explicación aos miles de millóns que o Real Madrid pagou por el. Aquí un servidor, que non é moi afeccionado ao fútbol, tamén se dedicou a mirar o xogo do francés para tratar de clasificalo persoalmente nalgunha categoría con que asistir ás inevitabeis conversas que xorden a cada momento sobre o excelente xogador, que o é, segundo a miña modesta e pouco autorizada opinión. Vendo evolucionar a Zinedine Zidane polo campo, sempre tranquilo, sen grandes carreiras nin suores, retendo o balón o mínimo tempo posíbel e moi exacto nos pases, cheguei á conclusión de que lle acae ben o adxectivo minimalista, pois é difícil facer tanto con tan pouco, dándolle así a razón ao arquitecto Mies van der Rohe cando dicía que «less is more», que vale traducir por «o menos é máis», e tamén a Flaubert, a quen o propio Mies lle tomou prestada a crenza de que Deus está nos detalles. Leo na prensa especializada do domingo 26 de agosto, despois da derrota diante do Valencia, que non dá aparecido a estrela Zidane no firmamento merengue. Terán razón os comentaristas, pero no meu ignorante telescopio a estrela fulgura xa con luz propia, a carón do barroquismo caneante de Figo, do helenismo gladiador de Roberto Carlos ou do Sturm und Drang romántico e lostregueante de Raúl. Porque, anque non meta goles directamente, cómpre recoñecer que hai moito detalle minimalista en Zidane. Digo eu.