VEÑEN OS EUROS

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES

01 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Os arxentinos acaban de reinventar o patacón. Unha nova moeda (unha nova cara do mesmo vello problema) para intentar recuperar a súa maltreita economía. Antes, non hai tanto, inventaran o austral, e acabaron volvendo ó peso. O meu veciño de aldea, que tripou aquelas terras en sendo mozo, anda desconcertado. «¿Saberán eles o que é un patacón?». Por un patacón ou pataco (dez céntimos) na miña infancia comprabamos unha bola de barro (non de china, nin de cristal) para xogar ó currillo. Ou un caramelo barato na de Calvete, non máis. Non sei eu, nin o meu veciño, que poderán facer os arxentinos cun patacón. «Seica imos volver contar en reás», coméntame o vello. «E en patacos, señor Benigno -respóndolle-, igual que antes». O euro, a moeda única europea, que xa se anuncia en sociedade, vainos obrigar a volver ás vellas contas, as contas dos nosos pais, cando unha vaca (agora un coche) se pagaba en reás e a vida, nas economías domésticas sobre todo, se raleaba en céntimos: a chica, o patacón, o chino, o medio mundo... Moedas de dúas cincuenta e billetes de peseta, algunhas con nome propio. ¿Quen os lembra? «Xa verá coa leria dos redondeos», teima o patrucio. «Vanse forrar os bancos». Territorio común a partir de xaneiro. As moedas son como as bandeiras da economía: territorios, fronteiras, símbolos de identidade. Teñen importancia. A decisión de establecer unha única unidade de cambio para os países da UE constitúe de feito un paso de enorme trascendencia no proceso de construcción dese espacio común que chamamos Europa, espacio histórico (dous mil anos) que en distintas épocas ensaiou distintas solucións. Esta de agora ten unha dobre significación. Unha significación transaccional, que facilita o intercambio económico entre os países, fortalecendo o mercado interior e as relacións exteriores, e unha significación simbólica, non menos importante, na medida en que os individuos, os grupos humanos, os estados e as comunidades empecen a referenciarse sobre fórmulas novas, linguaxes compartidas, que fortalecerán sen dúbida a identidade común na que estamos comprometidos: unha Europa unida que, ademais de intereses de mercado, deberá esgrimir, cada vez máis, razóns e determinacións políticas. Entre outras cousas para equilibrar os intereses económicos, hoxe case que sacralizados e ó servicio dos grandes centros de poder dentro da nova comunidade. Esta é a cuestión de fondo: saber quen ten o patacón, ou o centavo de euro, e como vai estar repartido (equilibrado). Igual que ocorre dentro de España. A economía galega non é igual á economía catalana, nin os salarios son os mesmos, por máis que diga a propaganda oficial das macrocifras. A media salarial dos traballadores galegos é sensiblemente inferior á media do conxunto de España e está moi por debaixo da media europea. Non é igual Frankfurt que Almería ou Santiago de Compostela. ¿Mais ricos? Está por ver. En calquera caso, seguirá habendo clases.