CARLOS CASARES
29 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Onte, comendo cuns amigos, falamos de golfos. O golfo é unha categoría especial que non debe confundirse nin co senvergonza nin co delincuente, aínda que nalgunhas ocasións ande bordeando as fronteiras deste último, o cal explica que con certa frecuencia pase tempadas no cárcere. Unha das características destes individuos é a boa presencia, que ás veces non resulta imprescindible, sempre que non falte o talento principal, é dicir, a labia. Un golfo de mérito, que aspire a triunfar na vida, está obrigado a expresarse con corrección, mellor aínda con brillantez. A miúdo a labia confúndese coa simpatía. Estes días, os periódicos falan dese lío organizado por unha empresa que operaba en bolsa. Supoño que o pirata que montou esta gran estafa pertencerá á clase dos delincuentes, pero non me estrañaría que antes de ascender a ese estrato pasara unha época de aprendizaxe como golfo. Non é raro ese paso, pois a golfería, se ten éxito, pode confundirse e adentrarse no camiño da alta enxeñería financeira, que adoita rematar na cadea. No xantar de onte, o que máis e o que menos tiña experiencias con golfos, como víctimas ou como simples observadores. De todo canto se contou, a mellor das historias contouna un amigo que padeceu a un destes elementos. Un día convidouno a xantar (o golfo ó meu amigo) e á hora de pagar díxolle: «Si no te importa, pagas tú, que a la salida ya te doy el dinero». Naturalmente, á saída non sucedeu nada. Supoño que se trataba dun espécime de primeira, porque tiña montado un gran negocio que incluía satélites e conexións internacionais. Para asombro dos seus clientes, consultaba no banco dun parque. Dicía que era por ecoloxismo.