AQUELAS FRONTEIRAS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

26 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Poucas persoas saben que don Florentino López Cuevillas, un dos membros máis eminentes da cultura galega do século XX, membro destacado da Xeración «Nós», compañeiro de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Castelao, exercía como funcionario de Facenda, onde se encargaba das cuestións de contrabando. Segundo me ten contado Xulio Losada, que traballaba con el, cando lle levaban a unha señora pillada no trance de pasar uns kilos de café, por exemplo, preguntáballe por que parte da fronteira atravesara coa mercancía prohibida. Primeiro, a muller negaba, pero finalmente, baixo ameazas, acababa cantando. Dicía, poñamos por caso, que fora por unha determinada parte do río, nun lugar onde se podía pasar enxoito. Nese momento, don Floro botáballe unha bronca enorme, non por facer contrabando, senón por elixir tan estupidamente o sitio. A continuación, sen rebaixar o ton de home indignado, aclaráballe: «Mira que sodes parvos. ¡Pero se por aí está sempre a Garda Civil! ¡Hai que ir máis abaixo, calamidade, por detrás da casa de Fulano!». «¡Cousas de don Floro!», dicían impotentes os delegados da Facenda, desarmados diante dun home que non tiña máis que simpatías e que inspiraba un grande respecto en todo o mundo. Acordeime desto onte, cando fun a xantar a Portugal cuns amigos. Todos lembrabamos as complicacións que se pasaban na alfándega, naqueles tempos remotos, aínda recentes, nos que había fronteira e revisaban os coches en percura dunhas botellas, dunhas toallas portuguesas ou duns kilos de café. Ocorre sempre o mesmo, que cousas que foron insólitas ou extravagantes, como os líos de don Floro cos seus contrabandistas, cos anos acaban sendo normais.