Á VOLTA COS NOMES

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

23 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Estiven en Noia, comendo na casa duns amigos, e durante o xantar falamos amplamente do asunto dos topónimos ó cal me referín aquí o outro día. Por unha razón que non comprendo ben, o enigma ou o significado dos nomes de lugar esperta interese e paixón en moita xente, tanto que pode dar para montar unha interesante tertulia ó respecto. Non todos estabamos de acordo, aínda que ningún de nós era especialista, pero xa se sabe que á hora de falar de cuestións lingüísticas cadaquén ten a súa experiencia, as súas vivencias e as súas intuicións. Como eu lin o libro de Porlan recentemente, recordaba exemplos. Ademais dos que citei no artigo que lle dediquei hai uns días, puxen outros. Na zona italo-suíza da Confederación Helvética, o río Ticino e afluente do Toce, da mesma maneira que en España o Tajuña vai dar ó Tajo. Nada estraño nin raro, pero o desconcertante aparece no momento en que as fontes de ambos os dous ríos están en Hoya de la Gallina, Luzón e Ocen, por parte española, e Gallina, Lucendro e Boden, pola parte suíza. Confeso que levo días interesado por un tema que esperta en min curiosidade e perplexidade. ¿Por qué ó lado de Valencia, Valence, Valensole e outro semellantes aparecen sistematicamente un Sagunt, un Segonzac e un Sigonce? ¿Quere dicir algo que á beira dun Beloncio se sitúe un Següenco e que Valencia del Ventoso estea emparellado con Gigonza, que non é máis que a antiga Saguntia? A tese de Alberto Porlan, elaborada para explicar estes feitos, sostén que os topónimos europeos son resultado, en abrumadora maioría, dun sistema único e moi arcaico de ordenación do territorio. Unha hipótese que é dunha elegancia cautivante.