LEMBRANDO A GORBACHOV

La Voz

OPINIÓN

MANUEL REGO NIETO DE COTÍO

21 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando en maio de 1990 visitaba a URSS, estaba Mijail Gorbachov no poder. Por terras do que fora o graneiro de Rusia, a Ucrania hoxe independente, decateime axiña que falar de Gorbachov era mentar ao demo. Tiven que facer o meu primeiro discurso ós postres dunha recepción o día que chegamos un fato de ourensáns amantes do folclore, para me dar conta de que aquelo da perestroika e da glasnot, era algo que funcionaba somentes en Moscova. No resto da URSS seguían os mesmos cans e cos mesmos colares. Nos sete días que alí pasamos, endexamais mentei a Mijail Gorbachov, ata a cea de despedida, na que sentaron ao meu lado a un mestre que falaba o castelán, de escoitar Radio Nacional de España pola onda curta. Sabía, aquel bo home, moito de Goya, de Velázquez... Mais tiña medo de respostar ás preguntas sobre a situación política. Só ó final, xa nos postres e con moito viño no corpo, o mestre díxome, sinalando a un grupo rock que amenizaba a festa: «Ve. Isa é a perestroika...». Agora Gorbachov di que lamenta a desintegración da URSS, e non sei cantas cousas máis. É un cadáver político, con moito eco cara a fóra, como en 1990.