A FASCINACIÓN DOS NOMES

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

20 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O amigo Alberto Porlan, que foi compañeiro na aventura aquela do tren dos escritores, dedicou quince anos da súa vida a resolver un enigma que descubriu un día observando un mapa. Atopouse con algunhas cousas raras nos nomes de vilas, cidades, ríos e montes. Por exemplo, que en Europa había varios topónimos parecidos a Cádiz: Kaditz e Gaditz, en Alemania, así como Kadijk en Holanda. O estraño non era eso, senón que ó lado do Cádiz español estivese Rota, e nas proximidades dos demais se atopasen respectivamente Rötha, Rotta e Rotte, ou que á beira dun Gadir italiano houbese tamén un Rosse. Sorprendente. Máis sorprendente aínda foi coller o mapa onde desemboca o Ebro, en Tarragona, e comparalo co da comarca onde desemboca o Tíber, en Italia. No primeiro caso aparecen a serra de Muntane, o Montredons e a ermida do Angel; na segunda, Mentana, Monterotondo e S. Angelo. Non para aí cousa, porque hai máis: Sant Onofre e Santo Onofrio, Mas Gorreta e Malagrota, Freginals e Fregene, Carme e Carne, Aldea e Ardea. ¿Pura coincidencia? ¿E se resulta que tres pasos próximos en Suíza se chaman Furka, Gottardo e Spluga, do mesmo xeito que nos Pirineos atopamos Forcat, Gotarta e Espluga? ¿E que dicir se comparamos un mapa de La Coruña (escrito así) con Logroño e Locarno e atopamos Brión, Briones e Brione; Escañoi, Ascona e Ascona; Samoedo, Somalo e Someo; San Martiño, San Martín e San Martino; S. Bartolomé, S. Bartolomé e S. Bartolomeo? ¿E se resulta que todo o mapa de Europa está cheo de cousas así? Non é raro que don Rafael Lapesa quedase asombrado e lle aconsellase ó meu amigo que seguise investigando. O resultado, un fascinante libro de setecentas páxinas.