INTELIXENTES E SABIOS

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

14 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte pola mañá, cando volvía de Portugal cuns amigos, escoitei na radio que lle chamaban sabio a un señor a quen eu coñezo, un home intelixente polo cal sinto ademais verdadeira estima, pero que tamén estou convencido de que el sería o primeiro en rexeitar semellante calificativo. Unha cousa é ser intelixente, incluso moi intelixente, e outra cousa é ser sabio. Unha persoa con intelixencia pode dicir e facer moitas parvadas, como podemos observar todos os días, aínda que a maior parte da xente con boa cabeza adoita usala con tento. Un sabio, en cambio, aínda que se equivoque, nunca dirá bobadas. Cando eu era estudiante, un día tiven que ler por obrigación un libro dun profesor madrileño que pasaba por sabio. Primeiro, sentín sorpresa, logo empecei a indignarme, por último acabei por botarme a rir. Insinueille algo desto a un profesor meu, pero tratou de facerme ver que estaba equivocado, pois o referido señor tiña a sona merecida de ser un auténtico sabio. Non me convenceu completamente, pero deixoume con esa dúbida. Un amigo meu, que foi alumno daquel home ilustre, contoume anos despois que este tiña publicado un comentario a un poema, no que aparecían dúas palabras difíciles de entender: aristelicos a la crema. Como é norma en casos así, o citado puxo unha nota aclaratoria: «Pastelitos muy populares en la España del siglo XVII». Quixo o azar que o poeta Luis Rosales descubrira que os enigmáticos aristelicos non era máis que un erro por «aristotélicos teoremas». Para emendar a equivocación, publicou un artigo. Ó sabelo, o ridiculizado buscouno e deulle un puñetazo. Non debía ser tan sabio porque lle veu de volta. E tombouno.