O GATO DE MARILIA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

12 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A nena Marilia, da que xa teño falado aquí nalgunhas ocasións, ten un problema. Resulta que lle morreu un gatiño. En principio non se desgustou demasiado, a pesar de que a morte dun animal pode chegar a ser unha traxedia, por máis que haxa xente que considere estes sentimentos como un desvío frívolo que non ten nada que ver coa auténtica dolor. O que sucede é que, coas cousas de sufrir ou non sufrir, cada un arránxase como pode. Por eso nunca me gustou aquilo que dicía Unamuno de que as persoas que padecen moito e con fondura choran menos que aquelas outras que experimentan sentimentos superficiais. O caso é que a Marilia lle morreu un gato, que non era o animal da casa, senón un fillo recén nacido da gata que teñen alí. A nai tivo que ocuparse de enterrar ó bichiño nunha esquina da horta e a nena acompañouna e viu todo o cerimonial, é dicir, cómo facía un buraco no chan, cómo metía o corpo dentro e cómo ía tapando coa terra que sobraba, sen máis florituras, nin cruces, nin pedras, nin nada. Con naturalidade. Supoño que a pequena debeu ver á súa nai facendo cousas parecidas moitas veces. Nunhas ocasións, para sementar unhas patacas, ou para botar un pouco de millo, ou para plantar uns tomates. A nena sabe, polo tanto, o que saben todos os nenos do campo, ou sexa, que moitos dos froitos que se mercan nas tendas de comestibles non se producen nunha fábrica, senón que nacen da terra, primeiro en forma de pequenas herbas e despois xa, máis adiante, como plantas medradas. Esa é a razón de que Marilia, nada máis erguerse da cama polas mañás, vaia á horta a ver se naceu xa outro gatiño, como se fose trigo. Que pena que non teña razón.