COUSA DE RIR

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES

10 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Onte achegueime ata o val de Tebra, aquí cerca, a comer na casa duns amigos de Madrid que pasan as vacacións nesa localidade desde hai moitos anos. Á hora do café, a anfitriona, que é sueca de Göteborg, amosounos unha fotografía aérea da casa da súa nai, unha grande mansión situada en pleno campo, a pouco máis de trinta quilómetros da cidade. Coñezo ben ese tipo de arquitectura e esa paisaxe, de maneira que non me foi difícil compoñer coa imaxinación o que a foto non me podía dar: unha especie de pequeno paraíso no medio do bosque, sen casas próximas, ocupando miles e miles de metros, á beira dun lago. O que non puiden imaxinar foi que a casa tivese, incluídas na propiedade, tres illas. Por moito que a miña amiga se empeñou en rebaixar a importancia destas últimas, dicindo que se trataba dunha cousa minúscula, con espacio reducido, á penas para colocar nelas un par de tendas de campaña, a min eso de que haxa xente dona dunha illa resúltame apabullante. É como se alguén me dixese que era propietario dunha nube, por exemplo. A última parte da conversa, quizais para rebaixar o anterior, versou sobre cuestións de tipo práctico. Parece que a casa, con todas as hectáreas de arredor, ademais das construccións adxacentes, ten un prezo moi baixo, non máis de trinta millóns, máis ou menos. A razón, en parte, é debida a que a zona está declarada espacio natural. Non deixa de ser chocante que se eses mesmos metros de beleza, paz e tranquilidade, incluídas as illas e o lago, se puidesen converter nun follón de tráfico, ruído, cemento e aglomeración, valerían unha fortuna. Vivimos nun mundo bastante cómico, aínda que non sempre nos dea a risa.