XOSÉ CHAO REGO
10 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Eu, coma moitos máis, utilizo para ler unhas lentes polo da miopía, e, como teño fotofobia, preciso que peneiren a ardentía do sol. Estou querendo falar dun tema non moi doado: da fe. Hai o católico practicante que pensa que fe é a súa práctica relixiosa; pode ser consecuencia da fe, mais tamén doutros factores. Máis cerca anda quen pensa que a fe é un sistema de crenzas a confesar, val dicir, un credo. E hainos, coma min, que se enguedella cando na carta ós Hebreos nos din: «A fe é seguridade do que se espera e proba do que non se ve» (Heb 11). Cando miro polos anteollos, non vexo cristais, senón a realidade. As lentes realizan unha mediación. Mesmo me amparan do exceso de luz que adoito padecen as afirmacións relixiosas. Por fe entendo a actitude de miralo todo a través das antiparras. É unha actitude de fiúza, de confianza, que se basea nun sistema de crenzas e conduce á práctica relixiosa. A fe ten que ver coa noite (Sabedoría, 18,6-9) e coa vixilancia, ó que Lucas lle fai dicir que hai que estar alerta, coma os criados que agardan polo amo, que pode chegar na noite e atopalos durmindo. Tamén habería que lembrar que a fe é un don, mais non unha lotería, e pode cultivarse. Abraham deixou todo pola fe. O gran modelo é Xesús de Nazaré, o Cristo.