O AMIGO DIEGO

La Voz

OPINIÓN

Por Carlos Casares

06 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día, nun acto público, Diego Bernal díxome que padecía unha grave enfermidade. Non facía falta que me dixera nada, pois era evidente que tiña algo malo que o andaba roendo por dentro. A pesar de todo, cando me deron onte a noticia, en plenas vacacións, levei unha sorpresa. Dediqueille parte da memoria do día. Foi a primeira persoa que coñecín en Santiago, cando me fun examinar para facer o ingreso na universidade. Presentoumo o meu primo Manolo, de quen era amigo. Díxome que se trataba dun xoven periodista, o cal non deixou de impresionarme, pois daquela el non debía ter máis de vinte anos. Foi un periodista quimicamente puro, con regusto de literato pola escritura. O seu traballo, tan longo a pesar da idade, quedou repartido en miles de artigos ou en programas de radio ou en pregóns e conferencias. Como pregoeiro, tiña un verbo oratorio oteriano, de raíz emotiva, con sabedoría na utilización da metáfora e gusto estético na énfase e no coidado da voz. Nunca, no medio da máis alta solemnidade, perdoaba o humor. Cultivaba este último cunha gracia inmensa, o mesmo nas imitacións (Franco, o cardenal Quiroga, o fiscal Malvar), que no relato oral, do que era un verdadeiro mestre. Eu gocei de horas inesquecibles ó seu lado, escoitándolle anécdotas e contos, ós cales lles daba unha existencia plástica en releve a través das voces que era capaz de reproducir con talento de gran actor. Esta era a súa faceta de hedonista, de gran fumador de puros e amigo da boa mesa. Un home para ter moitos amigos, que tivo a moreas. Gañounos a pulso coa súa cortesía elegante e o seu espírito tranquilo. Nunca cultivou a intemperancia nin a agresión.