Á MARXE / Carlos Casares
03 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Non sei se o teño contado aquí, pois levo contado cousas todos os días durante máis de dez anos, unha historia que lle pasou ó escritor lugués Anxel Fole, que era un pouco peculiar, co eminente historiador e home de letras don Américo Castro. Co motivo dunha visita que o ilustre sabio fixo a Santiago, convidado por Domingo García-Sabell a pasar uns días na súa casa da Rosaleda, un día organizaron unha excursión en coche ata Portomarín. Acompañábanos, ademais do propio Fole, Ramón Piñeiro e creo que Celestino Fernández de la Vega, todos eles con moi potentes cabezas e unha boa formación intelectual. Nun momento da tertulia que se organizou espontaneamente dentro do automóbil, á cal asistía Fole en silencio, repetindo en voz alta aquela muletiña que dicía sen cesar («Si señor»), Américo Castro, xa un pouco sorprendido polo personaxe, pronunciou a palabra cultura. Como se fose unha perdiz, o escritor galego apuntou cunha escopeta imaxinaria, empregando as dúas mans, dixo «¡Pan! ¡Pan!», e sentenciou: «¡Alá vai a cultura!». Nunca souben o significado daquel tiro, aínda que estou seguro que non se debeu a ningunha trivialidade, dada a personalidade do cazador. Todo o contrario dunha conversa que sorprendín o outro día, cando un grupo de rapaces e rapazas falaban dun compañeiro ausente. Valoraban con pasmo que lía moito, que coñecía a música clásica de pe a pa, que escribía uns poemas preciosos e que, por se todo eso fose pouco, era un excelente estudiante de enxeñería, con matrícula de honor en todas as asignaturas. A que levaba a voz cantante, unha mociña fermosa, acabou os seus eloxios cunha sentencia: «Tiene una cultura que te cagas».