UNHA NENA TRISTE

La Voz

OPINIÓN

Por Carlos Casares

02 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O outro día escoiteille dicir a unha rapaza nova, un pouco gordiña, pero guapa, vestida cunha camiseta verde ilustrada con dous barcos de vela: «Yo soy caca de la vaca». Estaba con outra moza, sentadas as dúas nunha terraza, fronte do mar, tomando un xelado. Segundo me pareceu entender, o motivo de ter tan mala opinión de si mesma, era debido ós quilos que ela pensaba que lle sobraban. Ou mellor dito, o que pensaba un amigo que lle dixo: «Cada vez te pareces más a una foca». Eso comentaban entre elas, unha denunciando ó autor da frase como bruto e pouco delicado; a outra comentando que era sincero. Gustaríame ver ó mozo que dixo eso de que a rapaciña se parecía a unha foca. Apostaría moito contra nada, a que se trata dun tipo ridículo, entre figurín e cara de asubío, deses que parece que foron aplastados por unha porta. En todo caso, estou seguro de que é un rapaz feo, polo menos dentro da cabeza. De boa gana llo diría á nena do xelado, aínda que dubido moito que me fixese caso. Un eloxio vale menos que unha crítica. O peor foi que cando se ergueron, a afectada ía chorando. Eu podería contarlle que, cando eu era neno, había un producto que se chamaba Polvos Pinós e que era para engordar os porcos. Anunciábase con dous bacoriños fermosos, como dúas pequenas bolas de sebo. Un día camiñaba eu pola rúa, en plena feira de Xinzo, cunha nena amiga que estaba moi gorda, tanto que un paisano que pasaba chantouse diante de nós e díxolle: «¡Parece que che dan Polvos Pinós!». Ela botouse a chorar desconsolada e eu non sabía que dicirlle, ata que se me ocorreu explicarlle que os porcos do anuncio eran guapos. Aínda ri hoxe ó recordalo.