TATUAXES

La Voz

OPINIÓN

ANXO TARRÍO VARELA

29 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

A miña mirada estaba ao nivel da tumbona de praia esperando cerrarse para botar unha sestiña roncada, das de Álvaro Cunqueiro. Dende alí vía eu pasar pernas, brazos, coxas, nádegas, peitos e ombreiros de variadas formas e cores; todo un desfile metonímico dese persoal que alegremente vai e vén da area á auga, da toalla ao sol, do sol á sombra e da pelota á raqueta. As tatuaxes marcadas indelebelmente nas variadas peles conformaban faunas e floras fantásticas que compoñían para os meus párpados sonnolentos un desfile de bolboretas, margaridas, corazóns, I love Pepe, Visca el Barça, dragóns de Sant Jordi, serpes e florestas floridas, todo como unha cabalgata rabelesiá e feliz da condición humana en tempo de verán. De súpeto, e xa a punto de me durmir, xurdiu a media distancia, como se os meus ollos fixesen un rápido zoom de aproximación, unha visión rara. Alí en fronte de min había unha muller de idade indefinida sentada sobre unha toalla vermella; unha especie de esfinxe estática, coa cabeza impasíbel, o tronco erecto, chea de alfaias de ouro e pedrería nos brazos, no pescozo, nos pulsos e nas orellas; semellaba unha lagarta coa mirada agochada detrás de tupidas gafas de sol con grosas bisagras douradas. Todo acabado nunha espesa cosmética facial con boca pintada en rosa forte e nun peiteado de moña que ben se vía ser producto de moitas horas diante do espello. Malia a anacrónica visión, quedei durmido uns poucos séculos, a contar polas dimensións en que se adoitan medir as gloriosas sestas do verán. Alá no soño atopei campos de adelfas e de arroceiras nas que evoluían ríos, lagoas, garzas e flamencos, cormoráns, anduriñas e tamén serpes esvaradizas, arrás monótonas non seu parvo croar e lagartos lorquiáns, arnais e estantíos, de estricados pescozos enrugados e sonnolentos ollos detrás de gafas de variadas cores. Cando espertei, o sol ía baixo e marchara o xentío. Todo era soedade e silencio e apagárase xa o balbordo alegre da xuventude multicolor. Tan só algún berro de garza perdida ao lonxe mesturado co eco das cigarras no aire e das arrás na lentura do delta poñían algo de realidade no meu espertar incrédulo, como para me dicir que todo non fora máis que un soño. Pero, como lle ocorrera a Augusto Monterroso co dinosaurio, a dragona das alfaias de ouro e pedrería aínda seguía alí, incólume, indelébel, como unha tatuaxe feita na area.