PAISAXE

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

22 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Se ó psicópata máis extremo lle piden que debuxe unha caseta de can, seguro que nin se aproxima ó horroroso habitáculo que teño diante de min: unha absurda xeometría de cemento, ladrillo, bloques e baldosas. Ó lado, outra excéntrica construcción inacabada de cemento de cuberta plana e acuática, non por ningún experimento constructivo senón porque lle botaron unha placa que sosterá unha segunda altura e que mentres acumula a auga do inverno máis duro dos últimos cen anos. Estou nun punto privilexiado do Val Miñor, se desvío a miña mirada podo recrearme na contemplación dun hórreo tradicional: a precisión arquitectónica dun elemento funcional que aínda agora segue conservando unha beleza orgullosa e neolítica. Observo estas construccións no medio dun collage de cemento e eucaliptos que interfiren a verdura atlántica, mentres asistimos ás aportacións dos urbanistas reclamando un pacto para salvar a paisaxe. Falan de feísmo, de respecto ás normas, de desaxustes económicos e socio-culturais, de axudas, etc. Teñen razón. Eu só acentuaría as causas antropolóxicas e as súas implicacións: esta tendencia colectiva e autodestructiva polo cemento e o inacabado nun mundo cultural en crise debe ter explicacións complexas. Abismais, case: no interior de nós e a través centos de anos de perversións externas.