Á MARXE / Carlos Casares
20 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Cando eu era rapaz, nos bares e incluso nas paredes das rúas, había carteis nos que se dicía que estaba prohibido blasfemar. Supoño que era debido a que se blasfemaba moito, da mesma maneira que a recomendación de non chuspir no chan debía ter relación con este feo costume. Está por saber se foi antes a prohibición ou a cousa prohibida. Cuestión importante porque, no caso da predicación contra os escotes, que daquela eran moi xenerosos, poderíase acusar ós curas de seren responsables de que as mulleres andivesen tan lixeiras de roupa. Exemplo claro de tiro pola culata. Eu tiven un compañeiro de escola, fillo dunha señora de Acción Católica, que ó verse obrigado a comulgar por imposición materna, antes comía en secreto un bocadillo enorme, que entón estaba prohibido, pois había que pasar doce horas sen probar bocado ata o momento de achegarse á eucaristía. Como dicía o interfecto, explicando o seu concepto da libertade: «A min, se me levan a contraria, mordo». Aínda que en realidade debera dicir «como». Con frecuencia, cando se anuncia unha obra pública, de seguida se montan plataformas que se opoñen. Eso ocorre de xeito especial coas autoestradas e os campos de golf, por poñer dous exemplos significativos, pero nunca, absolutamente nunca, cos galpóns, os muros de bloque ou os tellados de uralita, amén de outras aberracións urbanísticas, que converteron a Galicia nun dos países fermosos máis feos do mundo. Os políticos debían aprender deso que contei antes e facer os anuncios ó revés. Por exemplo: «Baixo ningún concepto se construirá tal cousa». A reclamación e o éxito estarían asegurados.