UN HISTORIADOR NO EXILIO

La Voz

OPINIÓN

BEATUS QUI LEGUIT / Xesús Alonso Montero

17 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

O Consello da Cultura Galega está a organizar (coa incomprensión activa doutras institucións culturais) un congreso sobre o exilio galego, que terá lugar en Compostela. Teño a esperanza de que nas correspondentes xornadas se estudie o labor intelectual e político de galegos e galegos que os estudiosos, ata o de agora, descoñecen ou non valoran axeitadamente. Penso, por exemplo, en Mercedes Núñez Targa, que sobreviviu ás iniquidades dun campo de concentración nazi, e en Juan González del Valle, que foi gaseado nun deles. De feito, hai exiliados galegos dos que nada ou moi pouco se sabe, e, cando algo se sabe, moi poucas veces se citan. Un exemplo claro é o do historiador e americanista Ramón Iglesia Parga (Santiago de Compostela, 1905), que, desde 1939, viviu e traballou en México e nos Estados Unidos, onde se suicidou (Madison, 1948). Historiador gabado por ilustres historiadores, en Galicia o silencio ten sido elocuente: non o acolle a Gran Enciclopedia Galega nin o cita, no seu utilísimo Diccionario biobibliográfico Couceiro Freijomil, tan douto case sempre. Hai moitos outros silencios. Recentemente a súa filla, a bibliotecaria Maria-Fernanda Iglesias Lesteiro, publicou un traballo titulado Mi padre, Ramón Iglesia. Un historiador de la generación del 27, traballo que figura no volume I da colectánea Cinguidos por unha arela común, obra editada pola Universidade de Santiago. O estudio de María-Fernanda Iglesia, aínda sendo o traballo feito pola filla do historiador -interesada, lexitimamente, na reivindicación do labor intelectual de seu pai- é un traballo sobrio nos adxectivos e ponderado na valoración dos méritos. Das excelencias historiográficas de Ramón Iglesias Parga teñen noticia os lectores dun libro seu reeditado varias veces, El hombre Colón y otros ensayos (1944), libro no que figura, entre outros traballos, o prólogo que escribiu para a súa edición da Historia verdadera de la conquista de la Nueva España, de Bernal Díaz del Castillo, publicada en 1943. Dereitos Será Ramón Iglesia quen, neste e noutros estudios, subliñe que, entre os historiadores de Indias, Bartolomé de las Casas porá o acento nos dereitos dos indios mentres que Díaz del Castillo porao nos dereitos dos conquistadores. Ramón Iglesia Parga, jonsista en 1931, afiliouse ó Partido Comunista moito antes da Guerra Civil, na que foi comandante nas Brigadas Internacionais e axudante do xeneral Lukacs. Algún tempo despois, confesou que, como historiador, aprendera máis nos tres anos bélicos que en centos de libros, experiencia que lle fixo entender ben un famoso dito de Nietzsche: ocúpanse da historia os que son incapaces de facela.