UNHA GAMBERRADA

La Voz

OPINIÓN

CARLOS CASARES Á MARXE

10 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

No ano 1966, o periodista Anxelo Novo (heterónimo de Raimundo García Domínguez, máis coñecido como Borobó), escribiu un artigo nun periódico de Madrid no que contaba as gamberradas de Camilo José Cela. Dicía que nunha ocasión, alá por 1940, mentres falaba co novelista padronés Nicasio Pajares, sentados os dous debaixo dunha árbore no xardín de Padrón, de repente, sobre o sombreiro do escritor, caeu a pel dun plátano desde o alto. Pajares púxose a berrar chamando ó xardineiro. Ó acudir este último, Manuel Cajaravilla, tratou de quitarlle importancia ó incidente para tranquilizar a don Nicasio, que estaba indignado. Díxolle: «Non lle faga caso. É o sobriño das de Trulock. Di que está facendo de mono de Gibraltar». E a continuación, mirando para o alto, berroulle ó futuro premio Nobel, de quen era amigo: «¡Baixa, Camiliño José, que molestas a estes señores». E Cela baixou. Hai pouco, cando por iniciativa de Camilo José Cela se publicaron dúas novelas excelentes daquel escritor padronés tan inxustamente olvidado, o prologuista do libro aseguraba que aquela do plátano foi a única ocasión que tiveron de coñecerse personalmente os dous novelistas e paisanos, que nunca chegaron a tratarse. Reprocháballe, eso si, ó autor do artigo, a incongruencia da data que citaba para poñerlle ano á gamberrada e propuña como máis verosímil a de 1929. Onte Borobó contou que tal episodio nunca ocorreu e que todo foi un invento del.