CARLOS CASARES Á MARXE
08 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Parece que está cientificamente demostrado que a oración dos fieis alarga a vida dos enfermos graves. Non falo de broma. En Holanda colleron a un grupo de doentes desahuciados e, sen que os interesados soubesen nada, encargaron rezos a persoas piadosas sobre a metade deles; sobre a outra metade, nada. O resultado foi que os primeiros melloraron das súas doenzas e que incluso viviron máis. A conclusión dos expertos é que os métodos da ciencia poden probar calquera cousa. Eu alégrome de que a conclusión fose esa e non aquela outra que semellaba deducirse a primeira vista. Se rezar pola xente se convertese nun problema estrictamente matemático, de eficacia probada por procedementos científicos, non tardaríamos en ver bancos de avemarías, tendas de salves e concursos de credos na televisión, amén de rezadores profesionais, a tantas pesetas un rosario para sandar a un enfermo sen esperanza. Alégrome tamén porque se poña en dúbida a infalibilidade da ciencia, pois neste mundo nada é infalible, nin sequera a matemática. Neste sentido direi que se fixo outro traballo científico, elaborado por lingüistas, destinado a saber quen eran os habitantes de toda Europa que repetían máis veces a palabra «que» como pregunta de quen non entendeu ben o que lle dixeron. Resulta que foron os daneses. Conclusión: o danés é a lingua máis escura de Europa. ¿E por que non dicir que os daneses non lavan as orellas?