Á MARXE / Carlos Casares
01 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Segundo me contaron onte, resulta que hai varios días, unha pitonisa, ou unha bruxa, que non entendín ben o título nin a diferencia, fixo unha predicción sobre o resultado do partido que xogaron o Celta e o Zaragoza o sábado en Sevilla. A señora dixo que gañaría o equipo galego por tres goles a un, pero que un dos seus xogadores sería expulsado polo árbitro. Como todo o mundo sabe a estas horas, sucedeu exactamente o contrario. Na conversa na cal se tratou deste asunto, houbo posturas encontradas, como é lóxico case sempre. Uns pensaban que a pitonisa metera a pata sen paliativos, o cal parece evidente. Sen embargo, tamén é certo que acertou, aínda que o acerto se producise ó revés. O argumento que máis me gustou, sen embargo, foi o que defendía a opinión de que entre acertar ou equivocarse había unha diferencia fundamental, a mesma que houbo entre as lágrimas dos perdedores e a euforia desbordada dos vencedores. Eu recordo unha vez, alá polo final da década dos sesenta, un ano que pasei en Bilbao, que presenciei un accidente mortal no Campo Volantín, á beira da ría. O coche que ía diante de min foi esmagado por unha grúa que caeu. Morreron os dous ocupantes, unha parella composta por un rapaz e unha rapaza aínda novos. O peor foi que eu vin como aquel auto, uns metros antes parou durante uns segundos. Non recordo se o vin ou o imaxinei co paso do tempo pero sempre pensei que disminuíran a marcha para darse un bico. Gañar ou perder pode depender de moi pouquiña cousa, aínda que eso sexa algo tan importante como darse un bico coa persoa a quen máis se ama.