CARLOS CASARES Á MARXE
28 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Hai máis de trinta anos que viaxo con frecuencia a Escandinavia, especialmente a Suecia. Ó principio, todo me fascinaba, desde o feito de que os presos pasasen os fins de semana nas súas casas, ata que na televisión se fixese humor á costa de figuras públicas, como o primeiro ministro, contando incluso coa complicidade das súas compañeiras, como sucedeu nunha ocasión, cando a muller de Olof Palme, por exemplo, se prestou a actuar como tal nun programa que versaba sobre as pretendidas habilidades do famoso político na cociña. Agora xa nos parecemos máis: en España os presos gozan de beneficios semellantes ós que se lles recoñecen ós reclusos de alá arriba, o humor a conta dos políticos está comunmente aceptado e así no resto, mesmo no nivel de vida, cada vez máis parecido, aínda que as diferencias sigan sendo importantes. Polo tanto, non resulta fácil asombrarse de nada. Sen embargo, a miña impresión é que a xente sigue sorprendéndose de moitas cousas. En primeiro lugar, daquelo que máis nos diferencia: o urbanismo, alí tan coidado e aquí convertido nun desastre de solución case imposible, polo menos para moitos anos. Neste aspecto somos unha auténtica calamidade, sen parangón nos países do noso nivel. En segundo lugar, do respecto á naturaleza, o cal fai que Dinamarca, por citar un dos casos, se pareza máis a un xardín que a esa loucura de cemento, uralita e bloque en que nos fomos ensumindo nós. Por último, as vacacións das vacas. En Noruega, estes animais teñen dereito a dous meses de vacacións por lei. Eso quere dicir que no mundo aínda queda xente que non chegou a vaca.