LUISA CASTRO O INIMIGO NA CASA
24 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Chegou o vran, pero máis ben chegou a hora de adelgazar, de comprar coche novo, de cambia-lo armario, de pagar a facenda, de facer a revisión do médico que sempre deixamos para o último día, de trasladar maletas, de organiza-los próximos tres meses cos fillos na casa; o día, para moitos, de seguir traballando mentres o sol aperta, de cerra-las últimas xestións antes de que a vida nas oficinas se paralice, de correr con bolsas de tenda en tenda, de exames de conducir, de exames de selectividade, de entrega de notas, de apertar ben o paso e cumprir coas axendas para chegar extenuados no pelotón de cola, coma verdadeiros heroes, á meta final, á praia desexada, despois, claro está, de facer cola nas gasolineiras, no banco, na estrada... Isto do vran é unha carreira de obstáculos para xente con nervios a proba de bomba. ¿Queda algunha praia que mereza a pena de semellante despregue de actividade, de semellante derroche de enerxía? Xuño é o mes de pecha-la carpeta, ¿pero botaron vostedes a conta do diñeiro que nos custa este mes? Sen dúbida xuño é o mes máis caro do calendario, moito máis que o Nadal, moitísimo máis que unha voda. Porque con xuño, co noso desexado xuño, casámonos tódolos anos, e non hai quen se libre deste compromiso vitalicio co calendario. O curso bótanos as contas á altura de xuño e chíscanos o ollo desde os escaparates, un biquini aquí, e aló unha oferta dunha axencia de viaxes... quen se pode resistir. O vran é a lúa de mel prometida de cada ano, o regalo envenenado que comeza por valeirarnos a carteira un día si e outro tamén. ¿Coñece algún de vostedes o segredo de pasar de curso sen pasar por xuño? A min, cando chega xuño, cando chego á praia, o que me apetece é cavar un furado na area e meterme nel. Entendo moi ben ós nenos nestas datas. Eu tamén quero unha pala, un furado ben fondo polo que desaparecer, pero ata para chegar á pala, e á praia, hai que pasar por xuño. Xuño é a nosa peaxe, o garda que nos agarda á entrada do vran, cun pau na man, para deixarnos descabalgados, desfeitos e descapitalizados no mesmísimo comezo da promesa da nada. Xa non conto as peregrinaxes a Disneyworld, a Cuba; eu só falo do turismo de autoestrada con nenos no coche e praia abarrotada ata a bandeira. ¿De verdade que lles merece a pena? Pensen só un segundo: ¿cren vostedes que han atopar nesas praias a algún dos millonarios da lista Forbes? Dígolles eu que non. A xente con dous dedos de fronte non se move da súa casa. A bon seguro o segredo dos da lista Forbes non é outro. O segredo está en pecha-los ollos, pecha-las contras e xogar á patefa con xuño, coller impulso e chegar a setembro antes ca ninguén. E un consello. Non gasten. Este vran non compren nin gafas de sol. Non se levan.