CARLOS CASARES Á MARXE
24 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O sábado, cando chegamos a Oslo, na entrada do Grand Hotel había un montón de cámaras de televisión, fotógrafos e xente moi nova. Supuxemos que andaba por alí algunha figura famosa. Nada máis entrar no vestíbulo, vimos a unha moza pequena e loira, bonita, que firmaba fotos súas, sentada nunha mesa. Algún dos máis atrevidos e simpáticos do noso grupo falou con ela e moitos acabaron facendo fotos coa rapaza, que estivo moi simpática, sen sabermos quen era. Eu preguntei e souben así que se trataba dunha das Spice Girls. Como en Copenhague, o tempo está espléndido e a xente vese feliz polas rúas, gozando deste fermoso verán nórdico, con boa temperatura e un ceo azul e transparente. O día da nosa chegada, ademais, celebrábase a noite de San Xohán e aproveitamos para dar un paseo polo porto despois de cear. Había fogueiras, moita marcha e moito viño. Centos e centos de rapaces e rapazas borrachos, ían e viñan, sempre educados e sen faltarlle a ninguén. Nos que non coñecen esto, había sorpresa porque á penas se fai noite e os máis curiosos querían ver cómo o día empeza a romper ás dúas e media da mañá. Eu acompañei a algúns deles, fixemos tempo paseando polo centro e logo, unha vez contemplado o prodixio, volvimos ó hotel. Aínda permanecimos sentados no vestíbulo. Na hora que estivemos alí, unha tras outra ían entrando parellas de recén casados, elas todas vestidas de branco, con traxe de noiva, eles co equivalente masculino. Contei ata quince. Fíxome raro, primeiro pola hora, despois pola roupa e por último pola cara de aburridos que tiñan. Era como unha mala película de noivos.