LIÑA ABERTA / Francisco Fernández Del Riego
20 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Pásmanos o avance rápido, continuado, da informática. Os adiantos tecnolóxicos dos ordenadores, a marcha progresiva do Internet, revolucionaron os medios de comunicación. Toda esta realidade empúrranos a reflexionar sobre a existencia do libro e do seu porvir. Botemos unha ollada ás orixes e ó proceso evolutivo da comunicación entre as xentes. O primeiro medio de se comunicar foi un medio vivo, o propio ser humano. Daquela as xentes non sabían ler nen escribir. As tradicións, as leis, as crenzas, conservábanse na memoria. As persoas morrían, mais as tradicións sobrevivían transmitíndose de pais a fillos. Posteriormente, antes de que adeprenderan a escritura, andaron a compor cartas enteiras con obxectos. De primeiras, debuxaban para se expresar. Nas paredes das furnas que habitaban ían gravando todo tipo de imaxes. Xa andados os séculos, os exipcios comezaron a escribir coa axuda de imaxes. Estas convertéronse en letras. Pasouse así da escritura con signos ó alfabeto. As letras, ó viaxar dun país a outro, facían ó propio tempo unha nova viaxe. Ían da pedra ou do bronce ó papiro. Do papiro ás taboíñas de cera. Da cera ó pergameo. De pergameo ó papel. Nas follas de palmeira, nas cortizas de árbores escribiase con agullas, ata a época na que apareceu o papiro. A escritura en taboíñas de cera inventárona os romanos. Valíanse de puntas de aceiro chamadas estiletes. O pergameo, fabricado en pel de ano ou de cabra veu ser o último soporte que precedeu ó papel. Na Idade Media xurdiron escolas e universidades. Daquela, os textos non se escribían só nos mosteiros, senón tamén por estudiantes loitadores e intelixentes. O importantísimo revulsivo de Maguncia foi esencial. Gutemberg guindaba o primeiro libro que remataba de imprimir servíndose dunha prensa. Ó cabo dun século da aparición desa primeira máquina, xa non había copistas no mundo. Non eran os pobres estudiantes nen os frades piedosos quenes copiaban os libros. Eran mecanismos de aceiro, prensas de imprimir. O número de libros que pasaban das imprentas ós comercios de librería aumentaban cada ano. Pero aínda nos nosos días empregábanse tipos móveis para a composición de textos, e pequenas Minervas para imprimilos. Sustituíronos as linotipias e as rotativas. De remate, a imparable marcha da tecnoloxía informática que estamos a vivir. Non hai dúbida que o Internet constitúe un inmenso recurso de información enciclopédica. Neste aspecto resulta un medio de ensino e doada consulta. Pero, as súas funcións poden relevar ás que lle corresponden ó libro impreso? Pensamos que non. A obra literaria, de creación ou de ensaio, mesmo a de carácter técnico, require unha atención específica que o Internet non lle ofrece. Porque o libro é un arriscado, un patético buzo que descende á intimidade humana, para precurar as raíces do querer e do pensar, do vicio e a virtude.