ISAAC DÍAZ PARDO CRÓNICAS INCONFORMISTAS
17 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.¿Por que arden os montes arborados? Non se teñen rexistrado incendios que empecen nas copas das árbores. Para que a copa dunha árbore ardese habería que botarlle gasolina e plantarlle lume. Os incendios forestais empezan no monte baixo, no toxo ou noutras xestas, e cando ten certo volume prende en toda a fraga. Nas terras graníticas como as galegas prodúcese espontaneamente toxo que se ten cifrado en once millóns de toneladas ano, que pode ser máis este ano cun inverno e unha primavera tan chuviosa que padecimos. O toxo está poboado de finas espiñas que alargan as súas puntas cunha gran superficie de absorción fronte a súa masa que o converte nun material inflamable. Os montes galegos ficaban de antigo marcados por cortalumes, sen que se seipa se alguén plantaba lume aos montes que protexían e se estes cortalumes eran verdadeiramente eficaces para evitar que o lume os saltase. Xa se dixo que o máis importante edafólogo que traballou en Galicia, Cruz Gallástegui Unamuno, prevía a necesidade de dar utilidade ao toxo para evitar o lume, que naqueles anos formou parte do estrume para abonar as terras. El era consciente da necesidade de encalar as terras e compensalas con algún outro fertilizante. Mais viñeron outras modas que implantaron os alardes tecnolóxicos, xeralmente importados dos EE UU, para engordar rapidamente todo, namentres comprobamos que esas manipulacións poden ter respostas inesperadas. Cruz Gallástegui Unamuno dirixiu a Misión Biolóxica de Galicia dende o ano 1921 ata o 26 en Santiago de Compostela en locales da Escola Veterinaria, onde hoxe se ubica o Parlamento de Galicia. No ano 26 a Veterinaria pechou e a Misión Biolóxica foi recollida en Pontevedra por ese excepcional presidente da Deputación que foi Daniel de la Sota. A Misión Biolóxica de Galicia foi creada por Gallástegui e por Juan López Suárez (coñecido por Xan de Forcados) a partir da Junta para Ampliación de Estudios e a colaboración da Sociedad Económica de Amigos del País. Non sei se a agricultura actual ten auténticas e económicas razóns para desbotar o toxo da composición dos abonos. Se as ten o toxo tería outras aplicacións. Por exemplo, a producción de enerxía térmica e a transformación en enerxía eléctrica, evitándose o despilfarro que se fai da fraga e dese enorme aparello montado para apagar os lumes. Fica un inconveniente para lle dar unha solución racional ao problema do toxo, que é esa mecánica inxusta que defende a propiedade da terra, protexida polos poderes establecidos que mandan en nós con imperio, tan inxustos que esquenceron de que a terra ten de ser de quen a traballa, senón que bendicen que sexa propiedade de quen non a traballa. Ao lado de onde eu vivo hai dúas fincas abandonadas. Una delas ten toxos de catro metros, que se un día arden van por en perigo a casa. Mais como son de propiedade privada...