VENIDEROS

La Voz

OPINIÓN

LUISA CASTRO O INIMIGO NA CASA

06 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai vinte anos Foz inzouse de xente de fóra. Asturianos, casteláns, vascos, portugueses. O Complexo de Alúmina-Aluminio achegou ós pobos da Mariña a miles de traballadores de diferentes capacitacións, man de obra e expertos, que cambiaron a poboación dun modo radical. Para todos nós eles eran os venideros. ¿De onde viñan? ¿Quen eran seus pais? Naqueles anos da nosa adolescencia ter un mozo venidero era todo un problema. Ninguén poñía en dúbida a sua honestidade, pero simplemente a sospeita lonxana de emparentar a unha filla cun venidero era motivo de preocupación. Niso os galegos non somos nin máis nin menos acolledores que o resto. Un pode marchar por vontade ou emigrar por necesidade, e nese caso o normal é ser aberto, adaptarse. Como normal é pensalo duas veces antes de mestura-lo sangue propio cun recén chegado. Os anos pasaron, os venideros convertíronse en veciños e daquela época quedan moitos matrimonios, sobre todo con asturianos e portugueses. Hoxe Burela tén unha poboación nada despreciable de rapaces negros, e en Foz hai unha importante colonia de asturianos. Os rapaces de procedencia africana falan galego; e seique unha parte de asturianos resístese aínda hoxe a que os seus fillos teñan como asignatura o galego nas clases. Aquela época tamén era a dos primeiros comicios electorais. Recordo especialmente a unha rapaza vasca, calada, timidísima, que se sentaba ó meu lado no pupitre. As monxas do colexio fixeron entre nós a sua propia sondaxe electoral. A pregunta era: ¿E a quén van votar teus pais? Todas fumos contestando cheas de razón. Alí todos votaban ó PSOE, que entón era o partido dos traballadores. Pero a miña compañeira, a rapaza vasca que se poñía colorada cada vez que tiña que falar, cando lle tocou o turno erguese cunha fachenda inédita e contestou: a quén van votar, ó PNV, pois claro. A resposta fíxolle unha gracia especial á monxa. E a min deume envexa. Fai vinte anos aquela rapaza que aínda non votaba tíñao moi claro. Tan claro como o seguen a ter a maioría dos vascos, como se acaba de ver. Nestes vinte anos os partidos políticos que entón eran novos transformáronse e cambiaron, e o PNV, que xa entón era un senior, non se moveu do seu sitio, segue estando onde está, no corazón da maioría dos vascos. Estou ben segura que no País Vasco non haberá xente vida de fóra que se negue a aprende-lo idioma. Tampouco pasa isto en Cataluña. Por riba, son as duas comunidades con maior nivel de vida. Os nacionalismos en España deron moitas cousas boas, porque naceron como unha cuestión de respeto e progreso, propio e alleo. O que non sei é que vén primeiro, se a riqueza é a condición necesaria para esixi-lo respeto, ou o respeto é o que precede ó progreso e o desenvolvemento económico. Pero semellan estar moi relacionados.