MOI AGUDO / Anxo Tarrío Varela
03 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Estrea equipo informático e furga na lembranza do neno: pantalla negra con marco de pino branco do país na que raiaba rinchando as primeiras letras e os primeiros centímetros do triángulo escaleno, o único que lle prestaba debuxar, parrulo feo da xeometría subversiva. Unha plana dura e milagrosa que nacía nos andeis da tenda maragata con cheiro a todo un pouco, entre sacos de lentellas pedreiras e garabanzos, e latas de pimentón La Murciana, manivelas de émbolos para aceites expósitos, cafés a cuarterón, especias ultramariñas e adivais de pita e bravú. Tiña unha daquelas páxinas de noite sen lúa nin estrelas que se deixaba atravesar polas renxentes raias do pizarrillo crebadizo e borrar coa lingua virxe unha e mil veces as restas defectuosas do seu escornamento coa aritmética. Humilde laxe pulimentada, aquela pizarra telúrica roubada á terra despois de millóns de ciclos solares na que verquía as bágoas da incomprensión da letra que só entraba con sangue, os mocos miserábeis da posguerra dos nenos transparentes, de pelos de rata pelada, chauve souris, entintados pola pluma de coronilla e pola urxencia de saíren ao recreo, á luz e á liberdade cifrada naquel se deixar levar polas pernas ceibes e frías do pantalón curto pendurado do tirante cruzado, fóra do pupitre cutre e esencial, mínimo espacio de torturas e humillacións, lugar cósmico de todos os rezumes agres e barolentos, dos arrecendos todos sen estirpe, de todos os cheiros ácidos dos nenos avellentados pola tristeza e tamén pola imaxinación enrugada. Todos o facían sentirse un pouco parvo, pero el era afirmativamente feliz e libre na súa íntima melancolía. Vagamente infeliz Ten agora unha pizarra electrónica nova do trinque e alí raia impunemente estelas galácticas de guerras falsamente inexistentes, ronseis de cores deseñados ao seu capricho na pantalla líquida e clónica. E ten un pizarrín electrónico e aséptico que non hai que afiar contra a pedra das lamentacións nin mollar nas bágoas nin nos mocos. Ten un borrador cómplice, unha lingua dixital sen cuspe que non deixa pegada dos erros do seu desalento. Navega polas autopistas informáticas, viaxa na pantalla sen esforzo nin imaxinación e no fondo sábese xa idiota total. Sublime conclusión, pero séntese vagamente infeliz e escravo na súa melancolía. Incomprensibelmente.