La participación en las elecciones a las 14 horas sube dos puntos hasta el 36,9 %
Á MARXE / Carlos Casares
02 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Se tivese que elixir ó personaxe máis repelente da historia da humanidade, non dubidaría en nomear a Cimourdain, un dos protagonistas da novela Noventa e tres, de Victor Hugo. Durante a Revolución, este individuo virtuoso e fanático manda executar ó seu fillo adoptivo, Gauvain, a persoa a quen máis quere no mundo, porque permitiu a fuga do marqués de Lantenac, alegando razóns de tipo humanitario. Eso si, no momento en que a guillotina cae sobre a cabeza do condenado, o pai espiritual do morto pégase un tiro. Ó lado do citado, colocaría ó tal marqués de Lantenac, tan duro como aquel. Primeiro condecora a un mariñeiro por arriscar a vida tratando de agarrar un canón que se soltara por propia culpa, pero despois de impoñerlle a condecoración, ordena a súa execución inmediata pola neglixencia cometida. Menos mal que máis tarde se pon en perigo para salvar a uns nenos dun incendio. Por eso vai aquí en segundo lugar, pero tal para cal. Estes dramas entre o deber e o afecto, só se dan na conciencia das xentes que aman máis os principios que as persoas. Algo parecido, en escala de sainete, é o que lle debe estar sucedendo ó presidente Bush coas súas fillas, víctimas dunha lei pintoresca propiciada en Texas por el mesmo, que foi un gran bebedor: os menores de vintedous anos non poden consumir alcohol. Ás rapazas, que xa cumpriron dezanove, pilláronas varias veces en lugares públicos cunha cervexa na man. Unha delas, por reincidente, se a collen unha vez máis, terá que ir ó cárcere. Se chega o momento, veremos se Bush é pai antes que presidente. Temo que non.