VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS
01 jun 2001 . Actualizado a las 07:00 h.O lector que segue estes artigos sabe da miña teima polo positivo. Emitir en positivo. Ninguén se apunta a unha derrota. Nin as novas nin as vellas xeracións. O segredo da política tamén é este: ser quen de xerar no conxunto da sociedade o entusiasmo necesario para confiar e participar nun proxecto común, ilusionante. Mal asunto se nos enredamos en liortas de campanario. Peor, como tamén sucede, se nos narcotizamos co triunfalismo. Certas campañas oficiais, con todo a punto, avanzan perigosamente nesta dirección. A propaganda non é información, e estamos cheos de propaganda. Se ollamos Galicia cunha perspectiva de tres ou catro décadas, os avances foron enormes. Case que por primeira vez na historia de España, as liberdades democráticas e a estabilidade dun modelo político homologable ós países do contorno europeo veñen parellos a un crecemento económico e a unha mellora na calidade de vida da poboación con moi poucos precedentes. Unha parte moi importante do mérito, case que diría a principal, está na nosa ubicación no marco do chamado primeiro mundo, o mundo desenvolvido, no noso caso: a Unión Europea. En gran medida ese marco nos empuxa e acelera. Del veñen os impulsos e mailas contradiccións. Sería absurdo negalo. Por iso, agora que é tempo de anuncios e programas varios, parecería bo que as ofertas políticas nos fosen aclarando algo. Por exemplo, ¿canto diñeiro entrou en Galicia dos fondos da Unión Europea e en que se investiron ata agora? ¿Canto queda por entrar, de aquí ó ano 2007, e que prioridades de investimento están deseñadas para ese período? ¿Que accións estratéxicas teñen pensado acometer os nosos políticos para dotar o país de infraestructuras e recursos diante dos novos tempos (sociedade da coñecemento, formación de capital humano, novas tecnoloxías...)? ¿Que podemos agardar do sector primario, fundamento histórico e potencial da nosa economía (pesca, agricultura, gando, recursos enerxéticos) no marco difícil, aínda que irrenunciable, do espacio comunitario? ¿Cal vai ser a nosa voz na nova Europa? ¿Que modelo de nova Europa imos defender e con que alianzas? ¿Que estratexias de afirmación da nosa identidade podemos acometer no espacio integrador da globalización? Aínda hai máis. ¿Que queremos facer coa nosa cultura? ¿E cos medios de comunicación de titularidade pública? ¿Que modelo de urbanismo e ordenación do territorio propoñemos? ¿Como imos tratar (con accións políticas concretas) o medio ambiente? ¿Como imos afrontar os problemas de merma ou envellecemento acelerado da poboación? ¿Que clase de política de prioridades cómpre establecer para evitar o desequilibrio crecente entre ricos e pobres: sociedades de primeira e de segunda división? ¿Por que non planteamos todo isto nun debate aberto e público na TV, por exemplo, coma nos países desenvolvidos?